Galicia é terra de bo comer, de produtos de gran calidade e elaborada cociña, e Ferrol Ortegal non podía ser unha excepción.
Nesta zona do norte atopamos todos os produtos gastronómicos que dan fama a Galicia, carnes, peixes e mariscos excelentes, pero ademais é unha enorme despensa de exquisiteces culinarias propias que satisfán os padais máis esixentes.
Estes son os principais produtos gastronómicos que só atopará no noso territorio:
MARISCOS
Salientamos os berberechos, as minchas e as ameixas (fina, babosa e rubia) das nosas rías, entre elas ´ameixa das Pías´, de gran valor culinario, a coquina de Valdoviño. É indiscutible tamén o especial sabor dos nosos centolos, capturados cunha arte de fondo, o miño, así como as vieiras e as ostras.
PERCEBES
É un molusco que se pega ás rochas en augas moi batidas e forma colonias moi numerosas. A costa abrupta de Ferrol-Ortegal e o seu mar bravo son o sitio ideal onde degustalo.
PEMENTOS DO COUTO (D.O.)
Pequenos pementos de sabor doce moi aprezados na comarca. Imprescindibles en calquera tapeo. Non pican debido á ausencia de capsicina. A zona de produción coincide coa de acondicionamento e envasado, estando constituída pola totalidade da comarca coruñesa de Ferrol, integrada polos seguintes municipios: Ferrol, Narón, Valdoviño, Cedeira, Moeche, As Somozas, San Sadurniño, Neda, Fene, Mugardos e Ares.
O nome da denominación, ´O Couto´, é un nome xeográfico que se corresponde co lugar onde se localiza o mosteiro coñecido popularmente por ese mesmo nome, ao que se vencella o comezo da selección e cultivo destes pementos.
POLBO Á MUGARDESA
Produto do mar de Ferrol-Ortegal cociñado ao estilo deste concello, facendo unha especie de guiso.
PAN DE NEDA
Pan de gran fama no territorio Ferrol-Ortegal, elaborado polas panaderías de Neda e que conta cun sabor especial, grazas á súa excepcional materia prima e ás augas do río Belelle.
TENREIRA DA CAPELADA
O mérito desta carne reside en que procede de gando criado a base de pasto e leite, sen ningún tipo de penso ou hormonas.
GRELO DE CERDIDO
Grelo cultivado neste concello, dun exquisito padal, que axuda a promocionalo cunha feira gastronómica.
MEL DE SAN SADURNIÑO E MOECHE
Mel recollido nos concellos de San Sadurniño e Moeche, nun hábitat de bosques de carballos, castiñeiros, breixo, silveiras, kiwis e flores silvestres
QUEIXO DE MOECHE
Diversas variedades de queixo galego elaborado neste concello. Salienta o queixo de tetilla (D.O.P.), e está elaborado con leite procedente de gando de raza frisona, pardo alpina e rubia galega, alimentado exclusivamente con pastos galegos.
CONSERVAS DE CARIÑO
No concello de Cariño, o destino Ferrol-Ortegal conta con varias conserveiras, algunhas artesanais, cuxos produtos, de extrema calidade, é indispensable consumir na visita ao territorio.
Conservas La Pureza: Conservas de peixe elaboradas artesanalmente: bonito, atún, peixe agulla, sardiñas, bacallau, congro, polbo...
Conservas Amieiro: Conservas vexetais elaboradas artesanalmente. Teñen marmeladas de varios sabores, entre os que destacan a marmelada de amoras silvestres, a de kiwi, ou de mazá con noces. Tamén comercializan conservas vexetais como feixóns, grelos ou salsa de tomate
Conservas Modesto Carrodeguas: As conservas desta empresa son o resultado dunha longa tradición familiar de conserveiros iniciaran a súa andaina no sector en Espasante (Ortigueira) no ano 1902. Conservas de diversos produtos: agullas, atún, xurelos, cabala, berberechos, sardiñas...
Conservas A´Xefa: Conservas de cabala, sardiñas, atún e chicharro, entre outras, son fabricadas nesta pequena conserveira.
BICOS DE FERROL
Pasteis típicos da celebración de ´As Pepitas´ onde as rondallas cantan ás mulleres ferrolás a véspera de San Xosé, elaborados pola Escola de hostalería de Pontedeume. Os Bicos teñen forma de corazón e están confeccionados cun biscoito de cacao, recheo con crema de laranxa, con cobertura de chocolate negro, decorado con chocolate branco e unha peroliña de azucre
PASTELÓN DE CEDEIRA
É a empanada típica de Cedeira, moi follada e xa sexa de carne, peixe ou marisco está realmente exquisita
DATOS ÚTILES
TEMPOS DE COCCIÓN DO MARISCO, aproximadamente:
Lagosta/lumbrigante: 30 minutos
Centolo/boi: 25 minutos
Nécoras: 10 minutos
Cigalas: 5 minutos
Camaróns/percebes: 1 fervor
Berberechos/mexillóns: 1 fervor